ENTRADA TEMA 3 DIDÁCTICA

 

Ola a todas e todos!

Nesta entrada falaremos fundamentalmente do tema tres da materia de didáctica dedicado á creación de actividades de comprensión, expresión, interacción e mediación. Nas sesións de aula vimos, tanto de maneira teórica coma práctica, os aspectos principais de cada tipo destas actividades de lingua e tamén os aspectos debemos ter en conta ao deseñalas. Imos aló!

 

Polo xeral, todos pensamos en catro destrezas básicas cando se fala da adquisición dunha lingua: produción oral, produción escrita, comprensión oral e comprensión escrita. Porén, o MECR e o seu companion volume falan de catro modos de comunicación esenciais: a comprensión, a expresión (produción), a interacción (co-produción) e a mediación. Quizais esta última sexa a máis complexa, posto que combina aspectos das outras tres. En esencia, as actividades de mediación fan posible a comunicación entre dúas ou máis persoas que, por calquera motivo, son incapaces de comunicarse entre si directamente. Esta mediación pode ser tanto interlingüística, coma intralingüística e á súa vez pódense mediar textos, conceptos ou simplemente xerar comunicación creando un espazo para o diálogo ou resolvendo conflitos. O enfoque polo que avoga o MCER é o orientado á acción, é dicir, a consideración dos estudantes coma axentes sociais que levan a cabo accións nun contexto determinado para conseguir un resultado concreto. Que quere dicir todo isto? Que as actividades que formulemos deben ter un importante carácter real e permitirlle ao alumnado empregar as capacidades adquiridas na súa vida cotiá. Este enfoque coloca tamén a co-construción do significado no centro da aprendizaxe, promovendo a interacción comunicativa entre os estudantes e o fomento das súas habilidades plurilingües e pluriculturais. Para comprobar se efectivamente entendéramos ben o que é a mediación, realizamos dúas actividades. Primeiro tivemos que analizar por grupos unha serie de actividades de mediación e a continuación tivemos que elaborar, tamén por grupos, unha actividade de mediación para implantar nunha aula de secundaria ou da EOI. No meu grupo ocorréusenos nunha mediación entre dous estudantes para escoller o destino da viaxe de fin de curso da súa clase. Cada un deles contaba con información dunha axencia de viaxe sobre dous países diferentes e debían chegar a un acordo sobre que país visitarían, cinguíndose ao presuposto e ao número de días dados. Podedes consultar a actividade completa aquí. Á hora de formular a actividade de mediación tivemos algúns problemas, xa que nos custaba discernir entre que era estritamente interacción e cando podíamos falar xa de mediación. Persoalmente, resultoume un exercicio moi interesante, dende a parte de poñernos na pel dun docente que intenta atopar unha actividade que lle poida resultar atractiva ao estudantado, ata a de poñer en práctica todo o aprendido sobre a mediación en si. Grazas á realización da actividade e á posta en común cos compañeiros tamén puiden obter ideas e inspirarme para a creación e implementación de futuras actividades.

 


A continuación, pasamos ás actividades de comprensión. Neste caso xa non se requiría unha introdución teórica tan ampla ao ser unha noción que todos coñecíamos. Fixemos, sen embargo, fincapé na diferenza entre a lectura/escoita extensiva (comprensión global) e a lectura/escoita intensiva (centrada nun fragmento moito máis concreto). Aínda que na aula practiquemos fundamentalmente esta última, paréceme moi acertado que coma docentes lles demos pautas aos alumnos para que fagan eles pola súa conta unha aproximación extensiva á lingua. Na aula podemos falar de escritores ou libros que nos marcaron e de series, podcasts ou outros contidos de carácter audiovisual que lles poden resultar interesantes coa idea de que eles os retomen no seu tempo de lecer. Déixovos aquí un artigo no que Paulo César o explica moi ben. Da mesma maneira que coa mediación, a práctica realizouse mediante a creación dunha actividade de comprensión oral ou escrita por grupos. No meu grupo centrámonos sobre todo na comprensión oral e empregamos un clip da serie Friends, aínda que tamén introducimos a comprensión escrita mediante o emprego dunha infografía. Déixovos aquí tamén a actividade para que lle poidades botar un ollo 😉.

Para rematar, abordamos a dimensión da expresión e interacción oral e escrita. A parte escrita desta dimensión adoita consumir moito tempo de aula, polo que coma comentamos na clase, o habitual é asignar este tipo de exercicios coma traballo fóra da aula. A pesares disto, vimos exemplos de actividades curtas coma a redacción de emails ou anuncios por palabras que poderíamos empregar na aula sen perder tempo moi valioso para a práctica oral. Isto pareceume moi útil porque, aínda que é imprescindible practicar o oral na clase ao non teren os alumnos demasiadas posibilidades de practicalo no seu tempo libre, tampouco me parece ben prescindir totalmente da práctica da expresión ou interacción escrita na aula. Se os alumnos elaboran sempre os exercicios na casa, non temos posibilidade de ver o seu proceso de escritura (fan borrador? corríxeno antes de entregalo?) nin as fontes que empregan (escríbeno consultando dicionarios ou recorren aos tradutores automáticos?). A práctica desta parte consistiu precisamente no deseño por grupos dunha actividade de escritura dunha reseña, dun correo electrónico ou ben de narración dunha experiencia. No meu grupo pensamos na creación dun blog de aula no que cada alumno tiña que facer unha publicación relativa á súa experiencia co inglés. Ademais, coma actividades previas pensamos na tradución de frases curtas co emprego de conectores e coma actividade posterior nunha gamificación na que tiñan que adiviñar que publicación fixera cada un dos membros da clase. Para realizar a actividade a docente proporcionaríalles un modelo escribindo ela mesma unha entrada no propio blog.

En conclusión, pareceume un tema moi informativo e de grande interese práctico para o noso futuro coma docentes, comezando co practicum. Eu dende logo anotei uns cantos consellos e tentarei aplicalos na medida do posible. E vós, que destacariades destas sesións?

Léovos 😉



Comentarios

  1. Ola, Uxía! GUstoume moito a túa entrada, sen dúbida, recolliches todo o traballado nestas sesións. Estou totalmente de acordo contigo cando dis que se debe practicar a expresión escrita, a sesión de onte fíxome reflexionar moito ao respecto, xa que ata o de agora non o pensara. En moitas ocasións centrámonos na gramática e no vocabulario, mais olvidamos que todo iso non vale de nada se despois non podemos expresar as nosas ideas tanto por escrito coma no oral. Por iso, agora creo que é máis importante o proceso que o resultado en sí, xa que o resultado nunca poderá ser bo se fallamos no proceso de creación.
    Noraboa pola entrada! Saudiña!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Ola Lara! Moitas grazas polo comentario e polos piropos ;) quédome co que dis de centrarnos máis no porceso que no produto, moi boa reflexión!
      Unha aperta!

      Eliminar
  2. Ola, Uxía!
    Quería darche as grazas por esta entrada xa que creo que é moi boa para repasar este tema. Explicas todo moi ben e con exemplos resolvendo todas as posibles dúbidas que nos puideran quedar e iso agradécese. Nos tamén tivemos algún problema ao principio coa actividade de mediación xa que era algo novo co que nunca traballaramos pero pareceume moi interesante poder despois ver todas as ideas dos compañeiros xa que con iso tamén aprendemos. Ademais, creo que as actividades de mediación son moi beneficiosas para facer co alumnado xa que nelas traballan moitas competencias ao mesmo tempo e fomentan as súas habilidades plurilingües e pluriculturais como ti ben dis. Un saúdo!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Ola María! Grazas por achegarte a comentar! a verdade é que a práctica de creación da actividade de mediación a min tamén me resultou das máis útiles para ver como se podería implementar nunha aula. Estou tamén moi de acordo contigo coas grandes posibilidades que nos permite para mellorar varias competencias do alumnado á vez.
      Unha aperta!

      Eliminar
  3. Ola, Uxía! Unha entrada boísima! Parece que a todas nos chegou ao fondo o tema da mediación! Pero tamén foi interesante elaborar actividades de compresión e de producción escrita. Esta última fixémloa xuntas e, aínda que sexa barrer para á casa, hei dicir por que me encantou: cando pedimos aos alumnos que fagan un blog de maneira anónima, son quen de sentarse a reflectir; non está presente a presión da clase, nin a presión de grupo, nin nada que non sexan eles diante do ordenador, cos seus propios pensamentos. Esta actividade funciona super ben con xente introvertida, que pouco se lles ten en conta, (faime caso, estou a investigalo para a miña tese), e coido que, de cando en vez, cómpre engadir actividades máis reflectivas, máis de sentarse a pensar e tamén individuais; damoslle unha oportunidade de comunicarse a que, polo xeral, fica calado.
    Parabéns pola entrada!
    Saúdos,
    Paz

    ResponderEliminar
  4. Ola Paz! Moitas grazas polo teu comentario! A verdade é que a mediación parece que triunfou por goleada. Penso que ao final era o aspecto que máis descoñecido nos resultaba e tamén o que nos pareceu máis innovador. Estou dacordo contigo no que respecta á actividade que deseñamos, esta falta de peer pressure pode facer que se animen a participar máis e tamén ao ser algo que se publica sentiranse máis responsables da calidade dos seus traballos. Moi boa reflexión a dos introvertidos e excelente tema de tese! Xa nos avisarás da defensa ;)
    Unha aperta!

    ResponderEliminar
  5. Ola Uxía!
    Noraboa pola túa entrada, penso que recolliches todos os contidos e actividades traballadas na clase. A min tamén me gustou moito coñecer máis a fondo a mediación. A ti non sei se che pasa, pero eu, antes de ter estas sesións, pensaba que mediar era simplemente facer unha interpretación mais tendo en conta os aspectos culturais, pero a verdade é que é moito máis que iso. De feito, realizamos mediacións en situacións diarias e non somos nin conscientes de que iso é mediación. Penso que introducir este tipo de actividades na aula pode ser moi beneficioso para o alumnado, ademais de divertido! Nós non tivemos a sorte de poder formar parte deste tipo de actividades durante a etapa escolar, mais agora temos a sorte de poder aplicalo ás nosas aulas.
    Unha aperta!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Ola Ana! Grazas mil por pasarte a comentar! A min pasoume xusto o que dis, penso que ao estudar tradución é un pouco a idea da mediación coa que quedamos, pero é unha actividade completísima e que facemos a cotío. Ogallá a poidamos implantar durante as nosas prácticas ou na nosa futura vida coma docentes porque ao alumnado lle será de moita utilidade en numerosos contextos.
      Outra aperta grande!

      Eliminar

Publicar un comentario

Publicacións populares