ENTRADA DE DOSSIER TEMA 6

 

Ola a todas e todos!

Nesta entrada gustaríame resumir un pouco as actividades que levamos a cabo na aula para desenvolver o tema 6 que versou sobre as programacións didácticas vixentes, tanto para secundaria e bacharelato coma para as ensinanzas especiais de idiomas.

 

 
En primeiro lugar, explicáronsenos os diferentes aspectos que compoñen unha programación e fíxose tamén unha revisión bastante exhaustiva sobre os requisitos e aspectos a ter en conta para preparar a programación da oposición. A continuación, vimos a rúbrica de avaliación das programacións empregada nas oposicións e analizamos cada un dos seus apartados.


Unha vez feito isto, comezamos a primeira actividade do tema que consistía na avaliación dunha programación didáctica real que atopásemos na páxina web dun instituto ou escola de idiomas. No noso caso, eliximos a programación do IES As Barxas de Moaña porque unha compañeira estudou alí e pretende realizar as prácticas do mestrado nese instituto. A análise consistía en ver se a programación elixida cumpría cos requisitos especificados na rúbrica e determinar se aprobaría na oposición. Durante a clase, cada minigrupo traballou un par de horas na redacción da actividade e despois esta presentouse de maneira oral ao resto do grupo. Aquí vos deixo os enlaces nos que podedes consultar a presentación que elaboramos con Canva, o documento co traballo ao completo e a rúbrica de avaliación empregada. Como podedes ver, segundo o noso criterio e o da rúbrica, a programación non superou a proba, xa que, aínda que algún apartado cumpría claramente os requisitos (avaliación e contextualización), outros quedábanse moi curtos (coherencia e metodoloxía) e outros eran moi pobres ou mesmo inexistentes (atención á diversidade, plan lector, autoavaliación da programación e defensa oral).


Penso que esta actividade nos serviu para reflexionar sobre as carencias da maioría de programacións que se empregan actualmente nos centros de ensino. Eu persoalmente non me esperaba que as programacións fosen tan diversas entre si e que todas elas tivesen lagoas nalgún dos apartados principais. 


Para rematar o tema 6, a actividade proposta foi a creación dunha proposta de programación didáctica de inglés para 4º da ESO. Dividímonos en minigrupos para repartir os apartados da programación e traballamos conxuntamente nun documento de drive (enlace). No meu grupo tocounos tratar: elementos transversais, actividades extraescolares, plan lector, conclusións e referencias. Para as actividades extraescolares propuxemos obradoiros de teatro, clubs de lectura e de cine nos que se analizarían materiais en versión orixinal inglesa. Ademais, no que respecta ao plan lector, fixemos propostas de libros adecuados ao nivel do alumnado para que eles puidesen escoller as súas lecturas obrigatorias. É preciso mencionar que a conclusión e o listado bibliográfico, nos quedou incompleto por falta de tempo e porque requiría a lectura de todo o traballo dos compañeiros que, nalgúns casos, tampouco remataran. Persoalmente, pareceume unha actividade interesante, se ben foi unha pena non contar con máis clases para desenvolvela. 

E vós, que opinades? Agardo os vosos comentarios.

Comentarios

Publicacións populares