A CONSCIENCIA INTERCULTURAL, FUXINDO DOS ESTEREOTIPOS NA AULA DE IDIOMAS
Ola a todas e todos!
Hoxe no blog gustaríame tratar o tema da consciencia intercultural. E diredes, que é exactamente iso da consciencia intercultural? A consciencia intercultural é basicamente saber recoñecer e comprender as diferenzas que existen entre a cultura propia e a cultura que se analiza ou coa que se traballa, así coma a maneira na que ambas se interrelacionan. Esta consciencia forma parte da dimensión do coñecemento declarativo, o “saber” que pode posuír unha persoa e que se engloba dentro das competencias xerais. Como podedes imaxinar, é imprescindible no mundo globalizado no que vivimos, tanto para comprender mellor as diferentes sociedades e culturas que nos rodean coma para saber analizar adecuadamente a propia.
 
A relación entre as diferentes linguas e culturas está presente en todas partes no noso día a día: na publicidade, nos medios de comunicación, na literatura, no cine, na música e mesmo na linguaxe en si mesma en refráns, ditos e expresións do estilo “traballar coma un negro” ou “falar en chino”. Pero a miúdo estas diferenzas non se tratan da maneira correcta. Tendemos a xeneralizar e ter unha visión moi limitada e estereotipada das culturas alleas e quedámonos con tópicos coma que os franceses son altivos, os italianos uns ligóns e uns vagos ou os alemáns moi serios e cuadriculados. Outros prexuízos son moito máis perigosos e xorden do racismo e do descoñecemento: pénsase que xitanos, romaneses e xente hispana, do este ou negra son máis propensos ao crime organizado ou a cometer delitos. Actualmente, tamén hai unha gran discriminación cara o colectivo musulmán debido aos ataques terroristas dos últimos anos e, aínda que parece que xa remitiu, houbo unha gran marxinación do colectivo asiático cando se desencadeou a crise sanitaria pola COVID-19.
  
Sen embargo, non todos os prexuízos parten dunha óptica negativa, senón que pode haber prexuízos ben intencionados que conseguen todo o contrario. Por exemplo, asumir que alguén dunha etnia diferente non é do noso país e preguntarlle pola súa orixe ou dicirlle o ben que fala o noso idioma. Este aspecto trátao moi ben a escritora nixeriana Chimamanda Ngozi Adichie na súa TED Talk The danger of a single story. Na súa charla Chimamanda relátanos coma ela creceu escribindo historias moi semellantes ás que lía, con personaxes brancos, que seguían costumes británicas e eran totalmente alleos á realidade nixeriana que a rodeaba. Simplemente porque esa era a única literatura a que tiña acceso. A única perspectiva da historia era a contada polo chamado primeiro mundo. Cando creceu e se mudou aos EE. UU para ir á universidade atopouse con que, sen coñecela, o resto de alumnos e mesmo os profesores xa tiñan unha idea preconcibida dela, simplemente pola súa nacionalidade e a súa cor de pel. Tamén se topou cun amplo descoñecemento da súa cultura substituído por un marcado pensamento de carácter colonial. Algúns profesores chegaron a dicirlle que os seus personaxes eran “moi brancos”, “moi correntes”, que non eran realmente “africanos”, coma se a personalidade fose un trazo racial. O título da charla reflicte moi ben o que son os prexuízos: a metade dunha historia, a verdade contada unicamente dende a perspectiva dunha das partes implicadas.
 
Tendo en conta que este é o mundo exterior ao que todas e todos nos enfrontamos, penso que é de vital importancia sacar estes prexuízos das aulas ou mellor aínda, pechar ben a porta e non deixar que entren. A aula de idiomas en concreto, paréceme un lugar no que poden aflorar moi facilmente todos estes aspectos xa que, tratemos a materia de inglés, francés, alemán ou calquera idioma; os docentes de linguas estranxeiras facemos e debemos facer unha contextualización cultural dos contidos que presentamos na aula. Ao final fálase de aprender unha lingua, pero o coñecemento das diferentes culturas nas que esta se insire é, ou debería ser, un proceso intrínseco. Quen mellor ca nós para romper con estes falsos prexuízos? Quen mellor ca nós para evitar as perspectivas parciais ou de carácter condescendente na aula? O respecto polo diferente sempre debería pasar pola educación e polo coñecemento. Encerrarse nunha serie de suposicións, xeneralizacións ou falsas crenzas non trae máis que actitudes xenófobas e racistas. O noso papel coma docentes é ensinar contidos, si, pero sobre todo competencias, ferramentas, pautas aos nosos alumnos para que saiban desenvolverse por si mesmos e de maneira cívica no futuro. Dende o meu punto de vista, a maneira de enfocar e tratar os contidos é case tan ou máis importante que os contidos en si. Ao fin e ao cabo, gústenos máis ou menos, ademais de educadores somos modelos de conducta que os nosos estudantes terán diante durante meses ou mesmo anos. Amosémoslles, pois, como se deben tratar estas cuestións, sen entrar na nosa ideoloxía persoal e avogando polo respecto e a tolerancia na súa máxima expresión.
 

Coido que esta parte do tema chamou a atención de todos, porque penso que a maioría temos vivido algún momento incómodo por estas cuestións, xa sexa recibindo comentarios, ou tamén pasándonos un chisco de listos con outra xente. Creo que na aula esta é unha arma de dobre fío. Por un lado, tirar "o xusto" de estereotipos, explicando ben que se trata de xeneralizacións un tanto esaxeradas, pode axudar a chamar a atención do alumnado pola cultura da lingua meta, despertar certo interés ou incluso motivalos a querer saber máis. Pero á vez, os riscos son importantes (non fai falta que os comente). Pero onde está o límite e como podemos ter control sobre estas cuestións na aula? Paréceme bastante complicado, á verdade... pero a clave ten que estar, como ti dis no "como" tratar os contidos, máis incluso que nos contidos en si. Moi interesante a reflexión, Uxía, e moi clara (yo como eres gallega pensaba que ibas decir que todo depende pero mira tú qué sorpresa me he llevado!)
ResponderEliminarOla Diego, grazas polo teu comentario! Penso que a todos nos chamou a atención pola falta de tacto que se tiña hai uns anos, eu persoalmente teño escoitado barbaridades nas aulas de secundaria, tanto por parte de alumnos coma de profesores. Coma ti dis, opino que na aula se pode tirar de estereotipos tipo: "en Francia comen baguette e camembert e levan boina" que, ainda que son falsos, non son daniños. O peor que lle pode pasar ao alumnado é ter un choque de realidade ao visitar o país e ver que non ten nada que ver. Creo que, se aportamos nós os materiais empregados na aula, podemos controlar bastante a situación. No caso de que veña algunha perlita nun libro de texto, con explicar por que está mal de forma obxectiva non creo que haxa maior problema, ou iso espero. Depende moito do tipo de centro e aí xa non temos control (aí vai o depende). A clave é dialogar co alumnado e tratar o tema con naturalidade, tampouco é cuestión de alporizarse ou reprochar certas actitudes. Con dicir que está mal e por que de maneira clara teríamos moito camiño avanzado. Polo menos esa é a miña humilde opinión.
ResponderEliminarUnha aperta!
Boas, Uxía!
ResponderEliminarParabéns por tan interesante entrada! É curioso como ó ler a túa reflexión conformo a miña propia idea con respecto a este asunto, que é moi similar á túa conclusión final. Nós, coma docentes, deberíamos ser quen remate cos prexuízos daninos dende a materia das linguas estranxeiras. Ademais, como a cultura e a lingua van da man non hai razón pola que non poidamos ou debamos contribuír á ensinanza dos idiomas dende un punto de vista cultural. Penso que tamén é importante que o alumnado coñeza culturas diferentes para educar dende o respecto e a tolerancia.
De novo, parabéns por unha entrada estupenda!
Saudiña :)
Ola Paula! Grazas a ti polo comentario! a verdade é que o dos prexuízos é un tema delicado, pero eu penso que non se lle pode ter medo e hai que tratalo coa maior naturalidade posible. Eu sempre intento pensar en que cousas non fixeron comigo na secundaria que me gustaría facer cos alumnos, entre todos pouco a pouco iremos creando un cambio!
EliminarUn bico!
Ola Sabela! Alégrome de que che gustara a entrada, inda me vas sacar os colores! O tema da linguaxe e dos prexuízos fixados nela sempre me pareceu moi interesante. En inglés hai moitos casos tamén, comezando pola típica n word. Cando fun auxiliar en Francia falei deste tema cos alumnos e en francés tamén sucede moito, para empezar coas profesións nas que temos "professeur" para profesor pero se é profesora non existe "professeuse" senón que temos que dicir "madamme la professeur". O mesmo acontece con avogado e médico entre outras. Eu plantexáralles tamén coma en castelán dicimos que algo é un coñazo se é aburrido, pero "es la polla" se nos parece interesante. Non me quero enrrollar que igual falaches ti disto na túa entrada! (agora mesmo paso a consultala).
ResponderEliminarO do debate é complexo coma dis, eu penso que ten que ser recíproco. Por moito que non nos guste a expresión "traballar coma un negro" xa está afincada na lingua, o que podemos facer coma falantes é non empregala e non empregándoa pode que algún día desapareza. Por suposto, para que isto sucedese debería cambiar a mentalidade de toda a sociedade, así que isto vólvese unha espiral eterna. Penso que afortunadamente a sociedade está avanzando nestes aspectos e tamén penso que imos ter alumnos moito máis concienciados con estes temas do que estabamos nós por aqueles tempos. Haberá que ter fe e pór o nos gran de area.
Unha aperta grande!