TPRS: Teaching Proficiency through Reading and Storytelling
Ola a todas e todos!
Nesta entrada vou afondar nun concepto que saíu na aula e que persoalmente descoñecía: o mundo do TPRS ou Teaching Proficiency through Reading and Storytelling.
Estaba investigando un pouco e dándolle voltas á entrada do Tema 1, cando dei de novo co concepto do TPRS. Canto máis lía, máis interesante me parecía, polo que a
decisión estivo clara.
E ben, que é o TPRS? As siglas TPRS correspóndense co que en galego poderíamos denominar “ensinanza e adquisición dun idioma lendo e contando historias”. Este método foi inventado por Blaine Ray, un profesor de español nun instituto de California entre os anos 80 e 90. Ray decidiu que debía mudar de metodoloxía porque os seus alumnos non prestaban atención na súa clase e aburríalles o español. Así, comezou a interesarse por novas metodoloxías e deu coa teoría do comprehensible input do doutor Stephen Krashen. Esta teoría basease na maneira de adquirir a lingua que temos o falantes nativos dende que nacemos. Cando un bebé ou un neno comeza a falar, xa leva moitos meses ou mesmo anos tendo un input enorme desta lingua, xa sexa a través das persoas que o rodean coma da música, radio ou televisión. Os rapaces comezan a falar cando este input xa está asimilado e dedicanse a repetir o que escoitan e escoitaron. Durante esta etapa cométense erros de gramática (o típico “faceu” no canto de “fixo” ou “sabeu” no cando de “soubo”) e mesmo de pronuncia cos fonemas máis complexos do idioma. Estes erros vanse corrixindo pouco a pouco e a gramática interiorízase co emprego da lingua no día a día.
A idea que defende Krashen, é que a adquisición dunha lingua estranxeira debería seguir o mesmo esquema de aprendizaxe. De aí a necesidade de proporcionarlles aos alumnos este comprehensible input, que non é máis que información interesante e comprensible que se adapte ao nivel do alumnado. Estas dúas características son indispensables, se os alumnos non entenden a información non prestarán atención por moi interesante que sexa o tema e, da mesma maneira, se a información é comprensible pero lles resulta irrelevante o contido non calará neles.
Partindo desta hipótese, deseñáronse unha serie de métodos entre os que destaca o TPR (Total Physical Response) creado polo profesor James J. Asher da universidade de San José. Non imos entrar moi en detalle neste método. Só é preciso mencionar que se trata do precursor do TPRS e que consiste en combinar ordes moi sinxelas na lingua estranxeira coma: stand up, turn around ou pick up a pencil co movemento correspondente. Pódese empregar facendo xogos do tipo Simon says cos estudantes e permite asmilar estruturas gramaticais e vocabulario sinxelo de maneira práctica.
O problema deste método é precisamente a súa limitación, non simplemente de idade (funciona moi ben con alumnos de primaria, pero podería resultar aburrido para alumnos máis maiores), senón de nivel. As posibilidades de introducir expresións ou construcións complexas son escasas, polo que chega un punto no que os alumnos non poden seguir avanzando.
Foi precisamente este aspecto o que fixo que Blaine Ray se decidise a introducir a variable da historia neste método creando o TPRS. Nun primeiro momento, a idea era substituír as ordes por unha historia, que os alumnos axudarían a crear e representar. Co paso dos anos a dimensión do reading comezou a cobrar importancia e apareceu o concepto de TPRS coma o coñecemos na actualidade.
O TPRS divídese en 3 fases principais:
- Vocabulario e estruturas
- Historia
- Lectura
Na primeira fase elíxese o vocabulario ou as estruturas que adquirirán os alumnos con esa historia. Recoméndase limitar as estruturas novas a 3 para garantir unha boa adquisición do alumnado mediante a repetición continua ao longo da historia. O resto do vocabulario debe ser coñecido, na medida do posible, e de non ser así débese escribir no encerado cunha tradución para facilitar a comprensión. Tamén se poden asociar xestos a cada expresión para que os alumnos a recorden máis facilmente.
Na última fase, o foco ponse na lectura. Pódese ler a historia que se acaba de facer ou unha versión un pouco máis ampla elaborada polo docente e despois comentala entre todos. Tamén se podería propoñer exercicios de tradución á lingua materna ou o docente podería fomentar a lectura voluntaria libre propoñéndolles materiais aos alumnos para que consulten pola súa conta.
En conclusión, o método TPRS baséase nunha aprendizaxe por inmersión controlada, na que os materiais están pensados para un nivel específico e na que o alumnado participa de maneira activa no discorrer das clases. Persoalmente, se o comparo coa metodoloxía de ensinanza de linguas estranxeiras que vivín ao longo da miña educación secundaria, a diferenza é abismal. Penso que este método marca o bo camiño a seguir e deixa atrás a metodoloxía tradicional de memorización de gramática sen ter a oportunidade de poñela en práctica interactuando na aula.
Na miña experiencia, non hai mellor maneira de aprender unha lingua que vivíndoa e empregándoa en tódolos contextos posibles. Este método permite que os alumnos adquiran a lingua de maneira natural e case sen decatarse. Non podo falar da súa efectividade, pero se teño a oportunidade probareino na aula. E vós, coñeciades o TPRS e parécevos interesante? Agardo os vosos comentarios 😉
Déixovos tamén as fontes de información empregadas e un vídeo explicativo do método. Hope it helps!
Comprehensible Input Blog Hélène Colinet
Input o Entrada Comprensible Natural Languages
Ola Uxía!
ResponderEliminarTeño que dicir que a túa publicación me parece súper interesante! Estou de acordo en que na aula é importante manter a atención do alumnado e todos sabemos que iso a veces se fai complicado. Nunca escoitara falar do TPRS é paréceme un método moi útil xa que eu son das que opino que non hai mellor maneira de aprender un idioma que coa práctica e deste xeito o alumnado aprende unha lingua de maneira divertida que seguro que lles chama máis a atención que unha simple clase de teoría. Oxalá haber coñecido este método antes! De seguro que é algo que vou intentar empregalo nas miñas clases. Grazas por ensinárnolo!
Un saúdo!
Moitas grazas polo teu comentario, María! Alégrome de que sexa de axuda :) Unha aperta
EliminarGrazas por compartir esta información tan interesante sobre un método de aprendizaxe que para min era totalmente descoñecido! Penso que este tipo de metodoloxías activas contribúen enormemente a que os alumnxs consigan o seu obxectivo de aprender un idioma mentres realmente gozan do proceso, polo que sen dúbida o TPRS queda anotado no meu caderno de futura docente para poñelo en práctica na aula. Unha aperta!
ResponderEliminarOla Antía! alégrome de que para ti tamén fose útil esta entrada. Eu tampouco coñecía o TPRS e estou totalmente dacordo contigo. Polo que lin está comezando a cobrar bastante importancia actualmente e penso que chegou para quedar. Esperemos que logre tantos bos resultados como aparenta. Unha aperta grande!
Eliminar¡Excelente propuesta! Las oportunidades que ofrece son infinitas y la explotación de textos escritos siempre ha sido una de mis actividades favoritas. Esta en concreto es mucho más interactiva y creativa que las que yo venía usando. Muchas gracias por la idea ;)
ResponderEliminarOla Paz! Grazas a ti por este comentario! Alégrome de que sexa útil, se a pos en práctica coas túas alumnas e alumnos xa me contarás que tal! Unha aperta!
Eliminar