Experiencia de aplicación do MCER en España e Francia

 

Ola de novo!

Hoxe gustaríame falar do MCER, o Marco Común Europeo de Referencia para as linguas. Este documento, creado no ano 2001 e cun volume complementario de 2018, proporciona unha escala de dominio das linguas estruturada en seis chanzos e tres niveis principais: nivel básico dividido en A1 e A2, nivel intermedio composto polo B1 e B2 e nivel avanzado formado polo C1 e C2. A creación deste marco busca establecer uns niveis estandarizados que permitan recoñecer un nivel de lingua estranxeira en calquera parte de Europa. Así, promóvese a libre mobilidade de estudantes e traballadores, o entendemento, a tolerancia, a diversidade cultural e o multilingüismo. As características que posibilitan que o marco sexa efectivo en calquera escenario son o seu carácter integrador, transparente e coherente. O marco creouse baixo a premisa de marcar unhas pautas de actuación, pero nunca unhas directrices fixas. Trátase dun documento de carácter dogmático que non debe impoñer un único sistema de ensinanza suxeito a unha teoría ou práctica lingüística e ou educativa. Precisamente isto é o que fai que se poida aplicar en situacións e ámbitos culturais tan diferentes.


A miña reflexión de hoxe baséase na comparación entre a aplicación do marco en dous institutos da Bretaña francesa e no meu propio instituto cando cursei a secundaria e o bacharelato. No ano 2017 tiven a oportunidade de vivir en Francia durante 8-9 meses e traballar coma auxiliar de conversa en dous institutos da cidade de Lorient, no departamento de Morbihan. Traballei con alumnos de Seconde, Première e Terminale que equivalerían a 4º da ESO e 1º e 2º de Bacharelato. Ademais, nun dos institutos puiden impartir clases de español para alumnos de FP superior de estética e comercio. Desta experiencia lévome moitas cousas, entre elas o meu primeiro contacto coa docencia, pero quizais o que máis me sorprendeu foi a competencia en expresión oral dos alumnos e a total ou case total ausencia de gramática nas aulas.

A miña experiencia coma alumna de ESO e bacharelato foi totalmente oposta. Cada clase estruturábase ao redor dun ou máis contidos gramaticais que se explicaban no taboleiro para a continuación facer unha serie de exercicios no caderno ou no famoso Student’s Book. De vez en cando facíamos algunha actividade de escoita, pero penso que non máis de dúas por semana. O oral non se practicaba directamente. É certo que non tiñamos o nivel, xa que nin sequera os que amosábamos máis inquietudes polas linguas eramos quen de manter unha conversa fluída en inglés, pero coido que non serve de escusa. O máis parecido a un oral era replicar os diálogos que viñan no libro de texto por parellas. Por desgraza, as clases tamén eran integramente en español e tiven que esperar á universidade para saber o que era ter clase de inglés en inglés.

En Francia a situación era moi diferente. Hai que ter en conta que xa pasaran anos dende que eu rematara a secundaria (alá polo 2013) e que a vila de Lorient, a pesares de non ser enorme, tiña moitos máis recursos que calquera municipio pequeno de Galicia. Non obstante, podo afirmar que nos meses que estiven dando clase alí nunca se dedicou unha soa clase a explicar gramática. Coma moito unha pequena puntualización rápida se os alumnos preguntaban ao respecto, pero nada máis. As sesións articulábanse entorno a un tema de interese social (transxénicos, o cambio climático, a inmigración etc.) ou ben cultural (tradicións, gastronomía de países de fala hispana, o Nadal etc.). Durante as sesións facíanse exercicios de comprensión oral ou escrita e expresión oral ou escrita. Recordo facer debates sobre os transxénicos dividindo aos alumnos en grupos e dándolles roles diferentes a cada un e proxectos máis complexos coma a gravación de spots ou a dobraxe dun corto. As clase eran sempre en español, os alumnos de feito non sabían nin que eu falaba francés, e a profesora só empregaba o francés cando era preciso aclarar un concepto ou algunha indicación.

Agora que estou cursando este máster, decátome aínda máis das diferentes metodoloxías empregadas en ambos países. Non penso que Francia sexa un país extremadamente innovador no que respecta as linguas, de feito non adoita obter moi boas puntuacións en informes de carácter internacional. Sen embargo, aínda que haxa alumnos máis e menos brillantes, o que eu percibín foi que todos eran quen de expresarse na lingua estranxeira e non sentían temor ou vergoña ao equivocarse. Outro conto comparado co que sucede en España. 


Vexo ambas situacións tan diferentes en canto a metodoloxías, actividades e resultados que me parece incrible que ambas teñan cabida dentro do mesmo marco de referencia. Penso que a situación está a mudar e que as metodoloxías activas están cada vez máis presentes nas aulas españolas. Da mesma maneira, concordo en que o marco debe ser un instrumento imparcial e estandarizado que dea cabida a múltiples maneiras de entender a docencia segundo a cultura e o ámbito concreto de impartición. Pode que se puidese mencionar nel a preferencia por metodoloxías de carácter participativo, pero considero que o erro neste caso ven das exixencias propias de cada país. En Francia, ao rematar o bacharelato os alumnos deben enfrontarse a unha proba coñecida coma baccalauréat. Nesta proba, os alumnos teñen un exame oral, no que deben falar sobre un tema, escollido ao azar entre os 4 temas principais xa establecidos e traballados na aula. A diferencia do que sucede en España coa ABAU ou ca antiga PAU en Francia a dimensión da expresión oral ou mediación si se avalía nos exames de acceso á universidade. Ao final, por desgraza, o factor clave que decide que impartir e como facelo son as probas ás que deban enfrontarse os alumnos no futuro.

Pregunta ao aire: debemos limitarnos a buscar a superación dunha proba ou a nosa misión coma docentes é facer que ademais os alumnos aprendan algo polo camiño? Eu téñoo claro, agardo as vosas respostas!

Comentarios

  1. Ola, Uxía! Encantoume ler sobre a túa experiencia como docente en Francia. É curioso observar como, a pesar de basearse nun principio no mesmo marco de referencia (o MCER), o sistema educativo español e o francés enfocan a ensinanza de linguas de xeito tan diferente. O teu caso recórdame á miña experiencia como Erasmus en Bangor (Gales), onde vivín de primeira man como a ensinanza de linguas era moito mais práctica do que eu vivira en España, sobre todo en secundaria. Quizais as clases que recibín eu non eran tan prácticas como as que describes ti, xa que si que impartían conceptos gramaticais, pero en xeral fiquei coa impresión de que se facía un fincapé moito máis forte na expresión oral e a práctica da conversa. Respecto á túa pregunta final, creo que como docentes a miúdo a nosa marxe de acción está moi limitada. Por exemplo, un docente de segundo de bacharelato terá obrigatoriamente que preparar os seus alumnos para a realización das probas de acceso á universidade, xa que estas terán un impacto moi significativo no futuro dos nosos alumnos e alumnas. Porén, creo que o obxectivo último de calquera profesor ou profesora é que os seus estudantes aprendan, así que, dentro das limitacións establecidas polo propio sistema, é fundamental que fagamos todo o posible para evitar unha aprendizaxe puramente memorística. Á fin e ó cabo, cal é o obxectivo de estudar unha lingua estranxeira, e da existencia de marcos coma o MCER, senón dar as ferramentas necesarias para desenvolverse nesa lingua en situacións reais de traballo, sociais, etc.? En fin, é un tema moi complicado que daría para un longo debate :) Un saúdo !

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Ola Silvia! Moitas grazas polo teu comentario e alégrome de que che gustase a miña entrada! Precisamente a fixen polo que comentas, a ensinanza que eu vivín aquí e alá parece de mundos paralelos. Non sabía que estudaras en Bangor! Eu tamén fixen o meu Erasmus alá polo 2014-2015 e concordo contigo. O modelo británico de aprendizaxe en xeral caracterízase por facer moitos traballos e poucos exames e foi un shock total vindo do sistema español no que os exames adoitan ser o maior peso da nota. Como anécdota, recordo que nunha asignatura de francés botamos dous meses vendo gramática avanzada e cando faltaba unha semana para cambiar de docente (tiñamos varios por asignatura e rotábanse) fomos falar coa profesora porque non sabíamos cando era o exame. A cara que se nos quedou cando dixo que non había foi entre agradecemento e incredulidade! Recordo pensar que se non me avaliaban seguro que non aprendera nada jajja eran outros tempos e o sistema fai moito dano!
      Estou tamén dacordo coa túa reflexión, é unha pena estar tan condicionados por uns exames, pero mentres estes teñan tanta importancia no futuro dos alumnos non podemos deixalos á súa sorte. O cambio ten que vir de antes e é un cambio de mentalidade tamén. Coma ti dis, isto da para un par de entradas!
      Unha aperta

      Eliminar

Publicar un comentario

Publicacións populares